Monday 29 de April de 2024

O Partido Popular de Cambre propón ao goberno municipal a creación dunha Comisión Especial de Seguimento do Plan Xeral para darlle máis transparencia ao proceso


Ante as dúbidas e queixas transmitidas polos veciños e veciñas de Cambre para a elaboración do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), así como pola súa importancia para o futuro do concello como instrumento básico para a ordenación do noso territorio e a consolidación de Cambre como núcleo central da Comarca da Coruña.

O PP de Cambre propón a creación dunha Comisión Especial de Seguimento do Plan Xeral, coa finalidade de analizar as diferentes fases da tramitación, tratando de garantir un mellor control de todo o proceso, co obxectivo de dar maior transparencia e confianza aos veciños e empresas de Cambre.

“Desde o Partido Popular cremos que a creación desta comisión é fundamental e que debería terse creada dende o primeiro momento, para darlle aos veciños maior confianza e transparencia na elaboración dun Plan que incide directamente na súa vida e nos seus negocios”, afirma a portavoz Diana Piñeiro.